O Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, nace da demanda do colectivo de músicos estradenses por acadar unha formación en música moderna que deu comezo no ano 2009 da man do mestre Carlos Barruso.

O obxectivo deste obradoiro é o de darlle continuidade ao labor de Carlos Barruso, como un xeito de reinvindicar o legado musical que deixou latente nos seus alumnos, moitos deles, agora titulados en grao superior de música moderna. Paralelamente, coa formación deste obradoiro tamén se pretende conseguir a formación dunha big band.

Este obradoiro conta cun plan de estudos que terá unha duración de nove meses repartidos nunha clase á semana de dúas horas de duración na que o alumnado abordará diferentes aspectos musicais. A primeira dedicarase á parte teórica onde se traballarán fundamentos harmónicos, rítmicos, melódicos, técnicos e analíticos das obras a interpretar. E na segunda hora interpretaranse as obras estudadas na primeira parte da clase en formación de combo.

Este obradoiro permanente non aceptará alumnos de nova formación, só actuará como un complemento para músicos cun certo nivel interpretativo que lles permita afrontar as partes teórica e práctica. En ningún caso se ensinará a tocar instrumentos nin se impartirán clases de iniciación.

Máis información.

 

 

 

Este vindeiro domingo 14 de xullo ás 20.30 h no Campo da Festa de Matalobos, a Banda Municipal da Estrada e un grupo de actores integrado por veciños da parroquia e actores da Escola Municipal de Artes Escénicas porá en escena unha obra musical de Simón Couceiro que homenaxea á loita que emprenderon os veciños de Matalobos contra os franceses no ano 1809.

A obra estreouse con grande éxito o 24 de marzo no Palacio da ópera da Coruña coa participación da Banda de Música Municipal da Coruña e no Teatro Principal da Estrada o sábado 11 de maio.

 

 

 

Poucos días despois de pechar con éxito o curso 2018-2019, a EMAE comeza a preparar o vindeiro curso abrindo o prazo de inscrición para novo alumnado. Así que se tes máis de 6 anos e gañas de sentir a maxia do teatro, esta é a túa casa. Chama ao teléfono 9865473601 ou achégate ao departamento de Cultura do Concello da Estrada para anotarte ou recibir a información que precises. Reserva a túa praza e lánzate a experimentar emocións novas. As clases comezan no mes de outubro! Disporás de dúas clases de cortesía antes de pechar a túa matrícula.
 
 
 
 
 

Os vindeiros 26 e 28 deste mes de xuño, coincidindo coa celebración das festas de San Paio, os dous grupos xuvenís da EMAE levarán a cabo as súas exhibicións de fin de curso, que servirán para pechar o curso lectivo 2018-2019

O mércores 26, a partir das 20.00 h, no Teatro Principal, o Grupo Xuvenil 2 porá en escena, o espectáculo Pim pam pum. Un espectáculo que trata sobre a irracionalidade da guerra, dos conflitos bélicos vistos dende a ollada dun neno. A montaxe está dirixida polos profesores Xosé Lueiro e Arturo Covas e interpretada polos rapaces Vanessa, Agra, Uxía Correa, Alicia Chenlo, Alberte Arxibai, Saleta Lueiro, Jesús Carbia, Julián Rosende, Carlota Torrado, Carla Cutrín, Tegra Vidal, Adrián Quintela, Alba Mendoza, Cristina Rivadulla e Noa Baloira todos con idades comprendidas entre os 12 e 13 anos.

Pola súa banda, o Grupo Xuvenil 1 porá en escena o espectáculo Grita! Esta montaxe, de creación colectiva, realiza unha reflexión sobre a liberdade de expresión. Está interpretada polos actores Lucía Chenlo, Laura Calvelo, Giovanni Deidda, Mencía Vidal, Karina Montoro, Alba Vázquez, Paula Barreira, Alba Martínez, Sergio Iglesias, Pablo González, Elena Carracedo, Sergio González.

Agardamos verte no Teatro Principal! A entrada será de balde ata completar a capacidade da sala.