A súa actuación encádrase no certame que organiza a localidade mallorquina de Alcúdia. Levará oito pezas de baile, gaita e pandeireta, con varios temas do trinque.

Fuxindo do mal tempo e penetrándose nas altas temperaturas de Mallorca, o grupo folclórico Tequexetéldere voará por vez primeira este xoves 19 á localidade amurallada de Alcúdia, situada ao norte da illa mallorquina. A agrupación, que conta con trinta anos de historia, representará o seu concello, pero tamén á cultura galega, na Mostra Folclórica que se celebrará con motivo das festas de Sant Jaume e para conmemorar o aniversario de Sarau Alcudienc, o grupo que organiza o encontro.

Xa desde o ano pasado, Tequexetéldere contaba co convide a Alcúdia e, ao longo deste ano, a formación estivo a preparar un repertorio de oito pezas de baile, gaita e pandeireta. Os temas escollidos deberán cubrir os corenta minutos programados para a súa actuación. Estas pezas foron recollidas en moitas partes de Galicia e dúas delas, e a xota e a muiñeira de Lagartóns, simbolizan o concello da Estrada.

Despois de actuar, como xa é habitual, na Rapa das Bestas de 2018, a fomación estivo recuperando enerxía para viaxar á localidade de Alcúdia, unha cita que se prolongará desde este xoves ata o sábado. Mentres o venres terán un encontro oficial co alcalde, a actuación será a noite do sábado e terá como peza de partida a súa tradicional Xota de Lagartóns.

Noticia do Faro de Vigo.