A cidade portuguesa de Braga puxo o domingo o punto e final á celebración da cuarta edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galicia que comezou o pasado día 18 e que ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.  A parte dos propios actos que o Concello da Estrada fará no municipio, o martes 27 e o sábado 3, para lembrar á poetisa galega máis universal, unha delegación da Estrada quere estar presente nesa homenaxe fóra de terras galegas. Por este motivo, esta fin de semana o alcalde José López, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere viaxaron a Braga para formar parte destes actos. Ademais, a EMAE e Tequexetédere completarán as actividades da programación xa que entre estas atópase a representación do seu espectáculo Voa.

Esta foi unha semana chea de música, libros, tertulias, poesía e teatro. O sábado tivo lugar a unión de Freguesías de Nogueiró e Tenoes e  sobre ás 11.00 horas a inauguración da Praceta Rosalía de Castro. “Seremos recibidos polo alcalde da cidade e despois asistiremos a inauguración desa nova praza en honor a Rosalía”, apuntou o alcalde, José López. Ademais, o rexedor, indicou que aproveitarán a visita ao país luso para promocionar o Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, que xusto parte desde Braga. Desde aquí discorre pola Geira Romana, calzada romana que unía Braga e Astorga ata a Portela do Homen (fronteira con Galicia) e despois continúa pola principal ruta do Arrieiros que transportaban o viño ata Santiago. O camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso.

Pola noite, a EMAE E Tequexetéldere interpretaron Voa. Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira, gañadora, entre outros galardóns, do IV Premio de dramaturxia Varela Buxán.