O proceso de selección comeza o día 11.

A Fundación Cultural A Estrada vai xestionar o Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. É un programa que ten como obxectivo acadar a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego do Concello da Estrada. O número de participantes do programa integrado é de 85 persoas pertencentes ao colectivo de Persoas desempregadas de longa duración.

O programa A Estrada Activa III contempla un obxectivo de inserción dun 31%, que corresponde a 26 insercións laborais que se levarán a cabo durante 12 meses, dende hoxe, día 1, ata o 30 de novembro de 2018. Este programa levará a cabo diversas accións: aportará información, orientación e asesoramento; formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas; técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora; prospección empresarial; emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes; prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico-práctico das accións formativas; mobilidade laboral e todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

Para poder participar neste programa é requisito imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Galego de Colocación e anotarse para programas experimentais. O proceso de selección empezará o día 11. As persoas interesadas en obter máis información sobre este programa, poden solicitala a través do teléfono 986 570 997 ou directamente no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural de A Estrada, sito na Avenida Benito Vigo, número 94, baixo.

Experiencia nestas iniciativas

A Fundación Cultural A Estrada xa xestionou nos últimos dous anos Programas Integrados de Emprego con 60 persoas no que se acadaron as seguintes insercións:

__PIE A Estrada Activa I 2015-2016, incorporación ao mercado laboral de 44 persoas das cales 36 cumpriron no período do plan polo menos tres meses de alta na Seguridade Social.

__PIE A Estrada Activa II 2016-2017, incorporación ao mercado laboral de 51 persoas das cales 32 cumpriron, polo menos, tres meses de alta na Seguridade Social neste período.