Será ofrecida polo consultor José Manuel Bouzón o xoves 12 de marzo ás 20:00 horas no MOME e está dirixida principalmente a comerciantes e hostaleiros.

cartel potenc peq comercioO concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán anuncia que o consultor especializado en xestión comercial e mercadotecnia de empresas José Manuel Bouzón ofrecerá o vindeiro xoves día 12 unha charla no MOME, a partires das 20.00 horas, sobre as vantaxes da peonalización dos centros urbanos e sobre a potenciación do pequeno comercio e dos Centros Comerciais Abertos.

Na súa intervención, José Manuel Bouzón abordará, entre outros, os seguintes temas: a potenciación e humanización dos Centros Comerciais Abertos, as propostas do urbanismo comercial e a súa aplicación aos centros urbanos, unha análise comparada coa exposición de experiencias e casos prácticos, o concepto dos distritos de mellora empresarial ou a posible aplicación local de iniciativas de xestión dun centro urbano.

Neste senso, Óscar Durán salienta que no transcurso da charla abordaranse as vantaxes e inconvenientes que podería ter para o sector do comercio tradicional da Estrada a hipotética peonalización do pricipal eixo comercial do núcleo urbano conformado polas rúas Ulla, Calvo Sotelo e Praza de Galicia. "Cremos que a visión dun experto pode aportar novas perspectivas sobre as peonalizacións e pensamos que, de contar cun apoio maioritario, poderíase facer unha experiencia piloto para a fin de semana da Festa do Salmón se as condicións climatolóxicas o permiten", adianta Óscar Durán.

Esta charla de José Manuel Bouzón, organizada polo concello en colaboración co Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural da Estrada, está principalmente dirixida a comerciantes e hostaleiros. Aquelas persoas interesadas en asistir deberán apuntarse na Alcaldía ou nas oficinas da Fundación Cultural ou ben chamando aos teléfonos 986 57 00 30 (ext: 6) ou 986 57 09 97.