O Concello da Estrada a través da programación cultural que o Museo do Moble e da Madeira albergará con motivo da festividade das "Letras Galegas" ao longo deste mes de maio, homenaxeará á figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño cunha charla didáctica que se celebrará este vindeiro mércores día 8 ás 20.30 h.

O acto, impartido polo profesor e escritor Xosé Manuel Fernández Castro, consistirá nun pase resumido da obra audiovisual "Vidal Bolaño recuperado, citas audiovisuais: Anxeliños!" despois dunha introdución con imaxes sobre a vida e obra do autor.

A segunda parte da exposición é un resumo da "cita audiovisual" encargada polo Centro Dramático Galego, que explica a técnica teatral da distanciación brechtiana na versión bolañesa e que pode ser útil para todos os que pensen poñer en escena textos do autor.