O Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, nace da demanda do colectivo de músicos estradenses por acadar unha formación en música moderna que deu comezo no ano 2009 da man do mestre Carlos Barruso.

O obxectivo deste obradoiro é o de darlle continuidade ao labor de Carlos Barruso, como un xeito de reinvindicar o legado musical que deixou latente nos seus alumnos, moitos deles, agora titulados en grao superior de música moderna. Paralelamente, coa formación deste obradoiro tamén se pretende conseguir a formación dunha big band.

Este obradoiro conta cun plan de estudos que terá unha duración de nove meses repartidos nunha clase á semana de dúas horas de duración na que o alumnado abordará diferentes aspectos musicais. A primeira dedicarase á parte teórica onde se traballarán fundamentos harmónicos, rítmicos, melódicos, técnicos e analíticos das obras a interpretar. E na segunda hora interpretaranse as obras estudadas na primeira parte da clase en formación de combo.

Este obradoiro permanente non aceptará alumnos de nova formación, só actuará como un complemento para músicos cun certo nivel interpretativo que lles permita afrontar as partes teórica e práctica. En ningún caso se ensinará a tocar instrumentos nin se impartirán clases de iniciación.

Máis información.