A Fundación Cultural A Estrada está a xestionar o cuarto Programa Integrado de Emprego “A Estrada Activa IV” subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola propia Fundación. Nesta edición estase a traballar con 100 persoas de diferentes colectivos e perfís.

Trabállase tanto a nivel individual como colectivo, con accións de diferentes características: habilidades socio laborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes, formación específica para o emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico-práctico das accións formativas e mobilidade laboral, entre outras.

Esta edición continúa coa mesma liña de traballo dos anos anteriores os cales reportaron resultados satisfactorios cos seguintes datos:

- Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa 2015-2016 (60 participantes), incorporación ao mercado laboral de 44 persoas das cales 36 cumpriron no período do programa alomenos 3 meses de alta na Seguridade Social.

25 persoas participantes acolléronse á posibilidade de realizar prácticas en empresas e acadar as competencias necesarias para realizar un traballo efectivo dentro do seu perfil profesional. 19 desas persoas acadaron a incorporación ao mercado de traballo despois de optar por esta vía de formación práctica.

- Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa II 2016-2017 (60 participantes), incorporación ao mercado laboral de 51 persoas das cales 32 cumpriron, alomenos, 3 meses de alta na Seguridade Social neste período.

Nestes 12 meses realizaron prácticas 20 persoas, incorporándose 15 persoas tras este período de prácticas ao mercado laboral.

- Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III 2017-2018 (85 participantes), no que se incorporaron ao mercado laboral 60 persoas usuarias das que un total de 40 cumpriron o período mínimo de 3 meses de alta na Seguridade Social, sendo 5 delas autónomas. Nestes 12 meses realizaron prácticas 20 participantes do programa, quedando a traballar 11 persoas tras este período e mantendo a día de hoxe este posto de traballo 8 desas persoas.

Nestes 12 meses realizaron prácticas 20 participantes do programa, quedando a traballar 11 persoas tras este período e mantendo a día de hoxe este posto de traballo 8 desas persoas.

- Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa IV 2018-2019 (100 participantes), ata a data, 14 persoas usuarias do programa atópanse xa en activo. Outras 7 persoas máis tiveron unha oportunidade laboral, como operarios de fábrica e industrias, hostalería, atención ao cliente, veterinario, entre outros oficios e traballos.

No que vai de programa, realizaron prácticas en empresas 3 persoas quedando todas elas a traballar despois deste período. A día de hoxe, hai 4 participantes máis facendo prácticas.

No actual Programa Integrado de Emprego, no que se ven a traballar desde o 2 de novembro de 2018, xa se realizaron dúas edicións de formación en Prevención de riscos laborais, sesións de coaching a nivel grupal e individual, obradoiros de entrevistas, informática básica, manipulador de alimentos, información e asesoramento da experiencia profesional e estanse a impartir clases semanais de inglés e talleres para a procura de emprego, entre outras actividades.

Como se pode aprezar nos datos anteriores, as prácticas non laborais están a resultar unha das ferramentas máis eficientes nos programas, sendo totalmente voluntarias, consensuadas coa persoa participante e, nunha porcentaxe moi alta, sabendo que existe un posto de traballo detrás das mesmas.