O alcalde da Estrada, José López Campos, amosouse optimista na cerimonia de presentación do novo Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa IV e afirmou que esta é unha ferramenta moi potente de cara á inserción laboral dos participantes, tal como se demostrou nas pasadas edicións.

pie2019Este ano reforzarase o compromiso do Concello coa conciliación; unha cuestión que preocupa enormemente á administración local, de xeito que se fará todo o que estea ao seu alcance para garantir a asistencia dos alumnos ás actividades formativas. Para acadar este obxectivo asinouse un convenio con diversas empresas polo cal se encargarían dos cativos durante o tempo adicado á formación. No caso de conciliación para o coidado de persoas maiores, o rexedor local recomendou a esas persoas que trasladen a cuestión ao Concello, onde se buscará algunha solución.

O primeiro ano que se puxo en marcha o programa acadouse unha taxa de inserción do 73 por cento, do 85 por cento o segundo ano e do 71 por cento o terceiro, tendo en conta o considerable incremento no número de alumnos.

Esta edición será a máis numerosa, con 100 alumnos adscritos ao programa fronte os 60 das dúas primeiras e os 85 participantes da terceira. “A experiencia dos últimos anos avala esta iniciativa. Sabemos que funciona”, expuxo López, que pediu aos asistentes ao acto que non se rendan e lle dean a oportunidade ao programa.

Nun principio pode resultar duro porque os cursos son moi xenéricos, como explicou o subdirector da Fundación Cultural, Carlos Andújar, pero irase programando formación máis específica a medida que o persoal técnico vaia coñecendo os perfís dos alumnos.

Os cursos realizados e que se porán en marcha ao longo deste mes son o de prevención de riscos, informática, inglés (que comezará mañá), o curso de carretilleiro e un curso administrativo aos que se engadirá o curso de manipulador de alimentos, que estará dispoñible para o martes 22 de xaneiro.

Este programa Integrado de Emprego é unha aposta clara do Concello para dotar aos veciños de competencias clave que lles permitan e faciliten o acceso ao mercado laboral; unha aposta que tamén supón un risco para a administración local que, de non acadar unha taxa de inserción do 35 por cento dos alumnos, tería que facer fronte aos máis de 200.000 euros que custa o programa.