O Programa Integrado de Emprego “A Estrada Activa IV”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que se vai xestionar dende a Fundación Cultural A Estrada, é un programa que ten como obxectivo acadar a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego do Concello da Estrada mediante as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas.

c) Formación específica para o emprego.

d) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea.

e) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

f) Fomento da capacidade emprendedora.

g) Prospección empresarial.

h) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico-práctico das accións formativas.

j) Mobilidade laboral.

k) Todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

O número de participantes do programa integrado é de 100 persoas pertencentes aos colectivos de Persoas desempregadas con discapacidade, persoas desempregadas en risco de exclusión social, persoas desempregadas menores de 30 anos, persoas desempregadas maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestacións, persoas desempregadas mulleres e persoas desempregadas de longa duración.

O programa integrado de emprego “A Estrada Activa IV” contempla un obxectivo de inserción dun 35%, que corresponde a 35 insercións laborais que se levará a cabo durante doce meses, dende o 2 de novembro de 2018 ata o 31 de outubro de 2019.

A Fundación Cultural A Estrada xestionou nos últimos tres anos Programas Integrados de Emprego nos que se acadaron as seguintes insercións:

- PIE A Estrada Activa 2015-2016, con 60 persoas usuarias, coa incorporación ao mercado laboral de 44 persoas dos cales 36 cumpriron no período do plan alomenos 3 meses de alta na Seguridade Social.

- PIE A Estrada Activa II 2016-2017, con 60 persoas usuarias, coa incorporación ao mercado laboral de 51 persoas das cales 32 cumpriron, alomenos, 3 meses de alta na Seguridade Social neste período.

- PIE A Estrada Activa III, remata o 30 de novembro con 85 persoas usuarias, coa incorporación ao mercado laboral de 58 persoas das cales, a día de hoxe, 29 cumpriron o período de 3 meses de alta na Seguridade Social.

Para poder participar neste programa é requisito imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Galego de Colocación.

As persoas interesadas en obter máis información sobre este programa, poden solicitala a través do teléfono 986 57 09 97 ou directamente no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural de A Estrada, sito na Avda. Benito Vigo, nº 94, baixo.